Atraccións
Inicio /
AQUATUBO PECHADO
Non apto para claustrófobos ou para aqueles aos que lles poña medo a escuridade. O Aquatubo Pechado mergúllanos na incerteza da máis completa negrume. Só ides estar ti e mais a rapidez da auga que flúe polo tubo. Berra todo o que queiras, non verás a luz ata chegar á saída. Atréveste?
AQUATUBO ABERTO
O Aquatubo ten todas as características que require un bo tobogán acuático: auga, curvas e emoción. Ideal para aqueles e aquelas máis reticentes aos tobogáns pechados. Unha espiral de diversión que remata cunha enorme chapuzada na gran piscina. Ponte en posición, espera a que che marquen a saída e lánzate!.
PISCINA DE ONDAS
«Un forte mar de fondo con ondas de 2 a 3 de compoñente norte…» — Poderiamos estar resumindo o panorama meteorolóxico marítimo, mais non, estamos a falar da nosa piscina de ondas. Unha tormenta perfecta de diversión para os máis atrevidos e atrevidas.
PISCINA DE BATUXADAS
Este é un dos pequenos espazos dos que dispoñen os máis cativos da casa. Unha sinxela piscina na que os nenos e nenas poderán dar as súas primeiras batuxadas e na que os pais poderán pasar un bo momento cos seus pequerrechos sen preocupacións.
PISCINA INFANTIL (O CALDEIRO)
Vamos, vamos, xa queda pouco… 3, 2, 1… auga vai!!! A pista de xogos acuáticos é unha das máis recentes e máis exitosas atraccións. Os máis pequerrechos agardan todos xuntos con impaciencia a que o gran caldeiro se encha, ata que finalmente a auga cae con forza anagando todo ao seu redor. Escóitanse risas e berros. Canóns de auga e pequenos muíños completan esta atracción única e exclusivamente deseñada para a diversión dos máis pequenos.
PISCINA INFANTIL (A RA)
Unha das nosas piscinas máis emblemáticas, a que proporciona mellores instantáneas cos pequenos da casa. A popular piscina da Ra está sempre disposta a albergar os sorrisos dos nosos pequenos, que gozan mentres baixan pola mini-multipista ou se dan unha ducha no noso xigantesco cogomelo.
Por suposto, o descenso pola ra é unha cita ineludible.
TOBOGÁN DOS DONUTS
Curva á dereita, curva á esquerda, espiral… auga! Dende unha torre de 11 metros comeza esta espectacular baixada chea de curvas nas que poderás pilotar un «donut» polas múltiples e imposibles curvas do percorrido.
O mellor está ao final do percorrido; preparad@s para a última curva?
PISCINA INFANTIL DO CONGRO
O congro, o coello e mais o polbo espérante para pasar un bo momento de diversión. Outra das nosas zonas para os máis pequenos da casa. Unha das que primeiro chama a súa atención por ser a que está xusto na entrada do recinto. Risas, saltos e chapucar, todo é empezar. E dende logo, aquí a diversión está máis que asegurada.
GÉYSER
Una das piscinas máis fermosas e, sobre todo, máis divertidas do parque. O noso Géyser permanente convértese nunha explosión de auga e risas. Unha das preferidas polos máis pequenos.
TOBOGÁNS
Na gran piscina central desembocan, xunto aos dous tobogáns espirais, 3 tobogáns cunha caída rápida. Ideal para aqueles que se inician nas emocións fortes antes de probar o Multipista e o Kamikaze.
KAMIKAZE
Atréveste con 54 metros de baixada e dous desniveis de vertixe? Só os máis destemidos son quen de enfrontarse ao Kamikaze. Agárrate á barra, espera á saída, colle pulo e lánzate. Notarás como a velocidade vai en aumento conforme baixas cortando a auga. Sen dúbida, unha das atraccións que mellores instantáneas ofrece de todo o parque.
JACUZZI
Senta e reláxate; as burbullas farán o resto. O jacuzzi é unha desas piscinas nas que o concepto relax toma forma. Accede a través de dúas grandes escaleiras a calquera das tres zonas que dan á piscina, cada unha coas súas características.
Unha parte con asentos e burbullas para a zona lumbar. Unha excelente hidromasaxe para eses días nos que a calor nos abafa de verdade.
Outro espazo no que as burbullas ascenden dende o fondo e acariñan a túa pel ata facerche cóxegas.
Escapamos das burbullas e relaxámonos nas tranquilas augas do terceiro espazo desta singular piscina.
Non todo van ser emocións: proba o jacuzzi e atopa ese momento para repoñer forzas.
PARQUE INFANTIL
E como non todo vai estar pasado por auga, tamén temos un estupendo parque infantil con tobogáns, bambáns… Un espazo diferente para tomar a merenda e xogar un pouco máis xusto antes de coller o autobús.
MULTIPISTAS
Escolle 3 rivais, espera o sinal, empeza a carreira!
O multipista é a atracción con máis altura do parque; chega aos 15 metros. Notarás a forza do vento antes de baixar. Empeza a baixada; estamos moi igualados, pero ao final es ti quen chegas á auga primeiro. O público aplaude mentres recibe a onda que produces cando chegas á meta.
Espectacular!
ROALLER COASTER
Os nervios, medo, tensión… aí vén a baixada! Por un momento, a sensación de baleiro absórbete e dispárase a adrenalina. Breve si, pero máis intenso imposible! O Roaller Coaster, máis coñecido como «A Uve», é unha das nosas atraccións estrela, tanto para aqueles que collen o «donut» e se atreven con ela como para aqueles que, simplemente, miran dende a barreira.
E ti, atréveste?
PISCINA DE NATACIÓN
Nada, salta, zarrapica, mergúllate ou simplemente reláxate. Pero lembra: non te tires de cabeza. A mirada, sempre atenta, dos nosos socorristas é garantía de seguridade en todo momento. Así que despreocúpate e goza dun refrescante momento na nosa piscina de natación.